CRTVG

Buscar

Veciños de Rairo, en Ourense, acondicionan unha marquesiña como lugar para xogar ás cartas

Publicado o 29/03/2019 22:26

Estamos afeitos a ver como se lles dan ás marquesiñas os usos máis variados e pintorescos. Pero os veciños de Rairo, en Ourense, decidiron converter o habitáculo da súa rúa nun verdadeiro centro lúdico e social e de xogos. Habilitárono como local de xogos, mesmo no inverno.

Se hai imaxinación e vontade, calquera cousa é posible no rural galego. Os veciños desta rúa de Rairo, nos arrabaldes de Ourense capital, empregan a marquesiña como se fose un minicasino. Din que o centro social do barrio lles queda un pouco lonxe.

Co xeneroso permiso do propietario do muro, o Concello instaloulles hai anos a cuberta metálica baixo a que colocou unha mesa cos seus bancos de pedra. No verán funciona como sitio de xuntanza para botar a partida e outras celebracións. O curioso do asunto é que argallaron o xeito de manter o mesmo uso no inverno.

O local dispón de luz grazas ao enganche na rede pública e ilumínase ao mesmo tempo que os farois. Grazas a iso teñen estufa eléctrica, pero tamén de butano. O importante é estar cómodos. Todos os días xúntanse para xogar ás cartas ou mesmo para un bo xantar se se dá a ocasión.

E agora que chegan as eleccións, xa postos, piden que lle substitúan o plástico por unha estrutura máis estable. Acabará así por ser o establecermento máis concorrido do barrio.





 

Noticias web

29/03/2019