CRTVG

Buscar

Veciños de Pontevedra denuncian que conviven coa venda de droga

Publicado o 24/05/2019 18:18

No lugar do Couso, en Pontevedra, os  veciños denuncian que están convivindo diariamente co tráfico de drogas. A situación empeorou dende hai meses, contan, e prodúcese a calquera hora do día. Unha área recreativa a carón das casas parece ser o lugar elixido para a venda de substancias. 

Os veciños do Couso, na parroquia pontevedresa do Lérez, aseguran que levan tempo convivindo co tráfico de drogas. Segundo contan, grupos de mozos reúnense diariamente nunha área recreativa da aldea, situada a carón dun parque para nenos, e alí trafican e consomen haxix.

Adóitanse ver a calquera hora do día, din, pero xúntanse principalmente ao mediodía e a partir das sete da tarde. De madrugada, tamén é habitual que circulen coches entre as vivendas, mesmo contan que viron varios coches de empresas, que se dirixen a algunha vivenda do Couso onde, segundo os veciños, se venden estupefacientes. Precisamente por isto, porque hai persoas que viven alí e, segundo din, están implicados no narcotráfico, os veciños non lles quixeron falar ás nosas cámaras por medo a ter represalias.

Aínda que dende a Policía Local e Nacional din que non teñen ningunha denuncia oficial, fontes veciñais aseguran que entregaron firmas para acabar con esa situación. Falan tamén dunha ocasión en que a policía pillou varios mozos no momento de estaren consumindo e lles incautou o haxix, pero non foi máis aló porque alegaron que era para consumo propio. Engaden tamén que podería haber unha investigación aberta por parte da policía secreta.

Fóra do tráfico de drogas, os veciños non presenciaron ningún acto violento contra eles, máis aló dalgún roubo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/05/2019