CRTVG

Buscar

Veciños de Ponte Sampaio denuncian a presenza dun pozo sen selar moi preto dun colexio

Publicado o 21/03/2019 14:07

Os terreos onde se está a contruír o novo campo de fútbol de Ponte Sampaio, en Pontevedra, están fronte ao colexio. Tiñan dous pozos artesanais que fixeran os anteriores propietarios das leiras. Un deles foi tapado polo recheo do campo, o outro permanece aberto tras o inicio das obras.

"É un pozo que en principio estaba pechado, que cremos, aínda que non o podemos confirmar, que con motivo das obras de construción do campo de fútbol intentaron coller auga aquí, romperon o pozo e agora mesmo ese pozo ten 3 ou 4 táboas enriba del soltas totalmente que calquera rapaz pode entrar, mover unha táboa e caer", di Ramón Agulla, presidente da Asociación Heroes de Pontesampaio.

O pozo ten unha boca dun metro de ancho e pensan que a súa profundidade rolda os 9 metros. Acceder a el é doado xa que os encargados das obras deixaron unha das entradas sen pechar.

"Aí mesmo fíxose un recheo, botaron uns camións de terra e calquera pode acceder aquí, porque se non houbera iso ao mellor non era tan doado. A rede como podedes ver está rota. Debérona romper para facilitar o acceso aos camións e facilitan o acceso de calquera persoa ao lugar", di Ramón Agulla, presidente da Asociación Heroes de Pontesampaio.

Tras o acontecido recentemente en Totalán, veciños e pais de alumnos do centro escolar trasladaron a preocupación pola existencia do pozo á asociación Heroes de Pontesampaio desde onde piden ao Concello que se tomen medidas necesarias para evitar unha desgraza.

"O que máis urxe é agora pechar o pozo de xeito que ninguén poida acceder a el, e menos un neno que non ten o coñecemento do perigo que hai aí", di Ramón Agulla, presidente da Asociación Heroes de Pontesampaio.

Piden, ademais, que se peche a entrada ás obras, xa que tras a súa paralización os ferros da cimentación quedaron ao aire, co perigo que iso supón.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/03/2019