CRTVG

Buscar

Veciños de Pedralonga, na Coruña, piden unha pasarela para cruzar Alfonso Molina

Publicado o 08/03/2018 14:24

A avenida Alfonso Molina, a principal arteria da Coruña, supón unha perigosa barreira para os veciños de Pedralonga. Constantemente están cruzando a pé por unha zona sen beirarrúas nin pasos de peóns, e pola que circulan 40.000 vehículos ao día. 

Á forza de cruzar monte a través, os veciños de Pedralonga xa teñen carrouchos feitos nos taludes da estrada. A travesía ata o barrio veciño de Palavea supón tamén sortear os coches pola beiravía e atravesar en varios puntos a calzada.

Hai vías alternativas, con beirarrúas, unha pasarela e pasos de peóns, pero obrigan a dar rodeos importantes para chegar á farmacia, á gardería ou ao único supermercado da zona.

Cando se construíu o centro comercial xa se suxeriu a necesidade dunha pasarela peonil elevada. Pero seguen agardando por ela, trinta anos despois.

Por este cruzamento pasan ao día ao redor de 40.000 coches cos que conviven, perigosamente, os peóns.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/03/2018