CRTVG

Buscar

Veciños de Padrón mobilízanse contra a instalación dun tanatorio no baixo das súas vivendas

Publicado o 08/12/2020 14:16

Máis dunha década leva sen actividade este baixo, que ata a crise da construción aloxaba as oficinas dunha empresa inmobiliaria. Pero hai unhas semanas, as máis de 60 familias que viven nestes edificios, coñeceron con desagrado o proxecto para alugar o local, duns 500 metros cadrados, e instalar nel un tanatorio. "Hai moitos outros sitios en Padrón, con polígonos industriais desaproveitados, onde poñer un tanatorio", di unha veciña. Outra engade que "os nosos pisos vanse desvalorizar".

Ademais, denuncian que o proxecto privaría a veciñanza dun espazo peonil que utilizan para o lecer dos cativos, e insisten en que nas proximidades hai unha escola infantil, un parque e albergues de perergrinos porque por aquí pasa o camiño de Santiago, polo que cren que non é un lugar axeitado para un tanatorio. Xa presentaron alegacións no concello e esperan que o proxecto non vaia arriba.

A presidenta da comunidade de veciños, María José Guerra, explica que segundo os informaron desde o concello, están á espera de que se conclúan os informes xurídicos e dos arquitectos municipais para saber se o proxecto vai poder saír adiante ou non, e engade que mentres tanto a comunidade xa presentou alegacións e recolle sinaturas en contra.

Ata o de agora recolleron medio milleiro de sinaturas e pensan seguir mobilizados para paralizar o proxecto.

 

Noticias web

08/12/2020