CRTVG

Buscar

Veciños de Oia reclaman que se conserve a antiga estación de Canido

Publicado o 06/10/2021 14:15

A imaxe da antiga estación do tranvía de Canido, é parte da historia da parroquia para os veciños de San Miguel de Oia en Vigo. Explican que queren que se conserve esta edificación polo seu interese histórico, se ben recoñecen que iso depende das administracións. O terreo e o edificio pertencen a un particular que a comprou hai anos e que pode edificar por estar en solo urbano consolidado, segundo o plan xeral de ordenación municipal.

"Queremos que sexa conservado o edificio e, se é posible, que sexa de uso público, como sucede coas antigas estacións de Coruxo, Panxón e Ramallosa. Das catro que hai en pé, esta é a única que está neste lamentable estado. No primeiro momento que chegue aquí un guindastre estariamos aquí, non permitiremos unha demolición", explica Ángel Goberna, presidente da Asociación de veciños de San Miguel de Oia. 

Eles recoñecen os dereitos do propietario e entenden que fixo unha inversión importante, polo que solicitan que as administracións cheguen a un acordo para facerse co lugar.

"O dono estaría encantado de buscar unha solución para edificar noutro lugar, a través dunha permuta co concello ou con outra administración pública. Podería ser tamén unha compra. E que despois a administración se faga cargo da edificación para conservala e lle dea unha utilidade pública que podería ser, como xa falamos co Concello e coa Xunta, un albergue para peregrinos", comenta Goberna.

Sinalan dende esta asociación de veciños que ese edificio da estación ten categoría de ben inventariado polo que debería manterse a fachada en caso de facer obras.

Noticias web

06/10/2021