CRTVG

Buscar

Veciños do Milladoiro, en Ames, piden máis seguridade viaria

Publicado o 09/10/2019 14:02

"Isto é moito, polos camións, transportes grandes, isto é demasiado, está O Milladoiro dividido en dous", explica unha muller.

É o pensamento que comparten moitas das persoas que viven no Milladoiro, en Ames. Dende hai case un ano os camións de máis de trinta toneladas teñen prohibido circular polo tramo urbano da Nacional 550 que atravesa esta poboación. Pero, segundo denuncian algúns veciños, non sempre se cumpre a norma.

Este tipo de tráfico pesado debe usar como itinerario alternativo o corredor das Galanas ou a autovía AG-56. Pero os veciños van máis alá e din que non se trata só dun problema cos camións, senón do intenso tráfico que soporta a zona.

A plataforma veciñal N-550 fóra xa leva dende o ano pasado reclamando unha reurbanización na zona que priorice a vida das persoas sobre o tráfico. Esta mesma mañá o Concello de Ames solicitou unha reunión coa DXT para solicitar un maior control do tráfico na zona, incluíndo a presenza dun radar. Tamén reclamarán, segundo confirmaron fontes municipais, máis competencias para reurbanizar e humanizar este tramo da nacional ao seu paso polo Milladoiro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/10/2019