CRTVG

Buscar

Veciños de Lugo volven denunciar carreiras ilegais de coches no barrio das Gándaras

Publicado o 17/05/2019 12:58

Os empresarios do polígono das Gándaras, en Lugo, denuncian as carreiras ilegais que se rexistran na zona, especialmente nas fins de semana. Algún destes rallys improvisados chegaron a congregar unha trintena de coches, que circularon a gran velocidade polas rúas do parque empresarial lugués. 

O polígono das Gándaras, en Lugo, convértese nun circuíto para carreiras ilegais nas noites da fin de semana, segundo denuncian os empresarios do parque. Algún rally improvisado chegou a congregar máis de trinta vehículos, que acadan grandes velocidades na recta máis longa, dun quilómetro de lonxitude.

José Luis Rivas, propietario dun taller mecánico: "Nós algún sábado á noite vimos, sobre todo na principal, que había concentración de coches. Non sei a velocidade á que ían, pero era bastante rápido. Oíase patinar as rodas nas rotondas, sobre todo polas noites."
"Aquí andan as motos a toda pastilla, andan os coches facendo trompos, e a xente xa empezamos a ter un pouco de respecto por isto. Dos negocios ás veces saes co coche de cara e outras de cu e en calquera momento pode pasar algo gordo."

Segundo sinalan os traballadores e empresarios do parque das Gándaras, os coches que participan nas carreiras adoitan estar modificados de xeito rechamante, aínda que resulta difícil identificalos debido á velocidade á que corren. Para evitar que chegue a producirse algún accidente, reclaman unha maior presenza policial no polígono.

José Luis Rivas, propietario dun taller mecánico: "Ao día seguinte si que apareceu a policía, pero de día non estaban. Fará un mes e pico estiveron un sábado aquí, e había bastantes coches."
"Terán que empezar a mirar un pouquiño pola seguridade. Que poñan radares, ou o que queiran, e se non pois que poñan lombas nos pasos de peóns para que vaian máis amodo, por seguridade. Non pasou nada, pero pode pasar en calquera momento."

Dado que cada vez hai máis empresas asentadas neste polígono de Lugo, increméntase o risco de que chegue a producirse un sinistro por mor das carreiras de coches.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/05/2019