CRTVG

Buscar

Veciños de Lugo actúan no afundimento dunha rúa ante a ausencia da Policía Local

Publicado o 15/05/2019 14:58

Os operarios traballan para arranxar canto antes o burato que se produciu no firme da rúa Armórica de Lugo. Unha tubaxe subterránea rebentou e a auga que escapou con forza dela fixo que se movera a terra e que o asfalto cedera. Foi un condutor que pasaba pola zona o que se decatou do acontecido. Rapidamente, os veciños sinalizaron o lugar con caixas de froita e unha cinta e avisaron a Policía Local, que tardou unha hora en presentarse. Por fortuna, o incidente sucedeu de día e puido evitarse que algún vehículo ou persoa caera no burato. Tamén houbo sorte no feito de que a tubaxe do gas cidade non resultara afectada polo movemento de terra. "Eu vin que collían as caixas e que marcaban esa zona para que non pasaran os coches", relata unha veciña. "Isto puido pasar porque as tubaxes son moi vellas e a rá construíuse sobre terra", conta outro. "Foi un susto grande porque nonse contaba que pasara iso", conclúe unha muller do barrio.

Por causa do acontecido, os vehículos que pasan a diario pola zona, entre eles os buses urbanos, teñen que desviarse cara ás outras rúas do barrio de Fingoi. Isto ocasiona problemas aos comerciantes xa que é habitual que moitos clientes se despracen en coche ata os seus establecementos. Tamén afecta as numerosas persoas que acoden co seu vehículo ata o centro sanitario que hai a poucos metros. Ademais, a rotura da tubaxe deixou sen auga da traída as casas e negocios da rúa por un tempo de cinco horas. "Para nós é un fastidio porque os coches non paran e perdemos clientes", lamentan no barrio. "Estivemos varias horas sen auga nas casas e non puidemos facer a limpeza".

Agora os veciños piden que as obras de arranxo rematen canto antes e poidan estar listas antes da ponte desta semana.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/05/2019