Veciños de Gondomar axudan a rescatar un octoxenario que caera a un río
Vaia susto o que levou un octoxenario en Gondomar. Caeu no río mentres traballaba nunha leira da súa propiedade. Afortunadamente puido agarrarse a unha rama e a rápida actuación de varios veciños que o suxeitaron cunha corda, ata a chegada dos bombeiros, evitou consecuencias máis graves. Recuperado xa da hipotermia que sufriu, pero aínda asustado e agradecido, José Rodríguez contounos o mal que o pasou.
Ten 87 anos e moitas experiencias ás costas pero José explicounos que a de onte foi a peor da súa vida. Pouco durmiu a pesar de que a sorte estivo do seu lado. Caeu no río Miñor mentres traballaba nunha leira. Conseguiu agarrarse a unha rama pero foi incapaz de saír do río polo seu propio pé. Un mozo que paseaba polo camiño lindeiro decatouse do que acontecía, pediu axuda e entre varios veciños conseguiron suxeitalo cunha corda ata a chegada dos bombeiros.
José estivo máis dunha hora nun río do que é gran coñecedor. Pensou en deixarse levar pola corrente ata unha zona menos profunda pero pensou que podía complicar as cousas. Ademais da axuda dos veciños, pensa que non perder o control foi clave para saír airoso da situación.
Todo rematou cunha hipotermia e cun bo susto. Esta mañá José tentaba localizar as persoas que o axudaron para as que non tiña máis que palabras de agradecemento.