Veciños de Fornelos de Montes denuncian a falta de cobertura no móbil e de ambulancia e autobús
Publicado o 04/03/2021 15:03
Despois de moitas reclamacións á compañía teléfonica e ó concello, os veciños da Laxe seguen sen cobertura. Reclaman que se renove a instalación actual que é moi antiga e que malia as reparacións continúa sen dar servizo.
Non é a única denuncia do medio cento de veciños desta parroquia que, segundo din, senten que están abandonados pola falta de servizos e o mal estado dos camiños de acceso a algunhas vivendas.
O autobús non chega ata a Laxe e as ambulancias máis próximas están en Redondela e Pontevedra. Din que, polo momento, as súas demandas non teñen resposta.
Os veciños reclaman melloras e que se restablezan os servizos na parroquia.