CRTVG

Buscar

Veciños de Faxil, en Barro, quéixanse da mala calidade de Internet

Publicado o 06/03/2019 14:11

Os veciños da aldea de Faxil, en Barro, din que están fartos de convivir cunha Internet inestable e insuficiente. O mal estado da rede de cables, segundo apuntan, permítelles unha velocidade dun único mega de ADSL, e a instalación de fibra óptica quedou a un quilómetro do lugar, polo que non poden desfrutar dela. A situación empeorou aínda máis, afirman, dende hai uns seis meses, e dende a compañía non lles ofrecen solución ningunha. 

A baixa velocidade de conexión prexudica de maior maneira as empresas da zona e os veciños de menor idade, que se atopan con serios problemas á hora de cumprir cos traballos que lles requiren os estudos, para todos eles imprescindible Internet.

Os afectados xa levaron a cabo múltiples protestas. A última, unha recollida de firmas que foi presentada no Concello.

Agora toca esperar a que dunha vez por todas, din, sexan escoitados de maneira efectiva.

Noticias web

06/03/2019