CRTVG

Buscar

Veciños de Catoira piden que se investigue a orixe do cheirume que hai na vila

Publicado o 26/08/2021 13:40

O cheiror do aire en Catoira está a ser desagradable con moita frecuencia. Durante a nosa estadía alí esta mañá o ambiente era normal, pero polo que din todos os veciños aos que lles preguntamos, hai días que o fedor do aire é insoportable. Só uns poucos aceptaron falar publicamente do problema:

"Pois, que cheira fatal. Isto é mortal. Isto téñeno que arranxar xa, porque levamos un tempo así e é insoportable. Non podes estar nunha terraza tomando un café", di Trini.

Isabel sinala que "o ambiente está fatal. Ás veces por aquí non se poder respirar; cheira moi mal,a cloaca, a cloaca pura, a depuradora, a sumidoiro. Fatal".

"A xente fala do cheiro e é certo. De vez en cando cheira bastante mal. Supoño que virá das depuradoras. Non sei se a de Friscos ou da municipal, pero unha das dúas ten que fallar", di Antonio.

E Cristina: "Está moi cargado (o ambiente) aquí en Catoira, sempre ten un cheiro característico. Cremos que é a depuradora, pero non estamos seguros, claro".

Insisten en que hai que dar coa causa e acabar co problema do cheiro.

"Ultimamente o problema é máis grave do habitual", precisa Antonio. E Trini incide en que "teñen que investigalo. Uns bótanlle a culpa a Friscos, outros, á depuradura (municipal). Teñen que frear isto".

As dúas depuradoras están moi próximas, á beira do río Catoira. O alcalde asegurounos que a EDAR municipal non é a causante. Afirma que cumpre con todas as esixencias requiridas a estas instalacións e que hai inspeccións periódicas.

Segundo fontes municipais, o emisario da conserveira tivo un problema recentemente. Aínda non obtivemos resposta da empresa á nosa pregunta de se a causa do fedor pode ser esa.

Noticias web

26/08/2021