CRTVG

Buscar

Veciños de Catoira acurralan o ladrón dun coche

Publicado o 15/05/2019 13:43

Unha moza de Catoira deixou o coche aberto e coas chaves á vista mentres entraba a comprar tabaco. Nunca pasa nada e moitos veciños adoitan facer o mesmo nesta rúa céntrica, pero, en cuestión de minutos, un individuo que asexaba pola rúa entrou no coche e saíu a toda velocidade. Empezou unha persecución de película. 

Trini Sumay, estanqueira: "Cando viu a moza que lle roubaran o coche empezou a berrar e co ruído do coche, que saíu a toda velocidade, xuntouse toda a xente e como a rúa non ten saída esperaron todos a que viñese o coche de volta".

Eran as doce do mediodía e había cantidade de xente nos negocios e na rúa. O ladrón xa chamara a atención de moitos porque ía sen camiseta e parecía 'colocado'.

Ángel Manuel Jamardo, vendedor da ONCE: "Rápido foi, máis rápido que o lume. Foi visto e non visto. A reacción que tivemos foi atrancar un coche nesta rúa que non ten saída, por onde se meteu, e puxemos uns colectores do lixo para reducilo. Pero el deixou o coche e escapou a correr".

Os que o perseguían, dividíronse pola localidade. O delincuente cruzou Catoira ás carreiras, meteuse nunha toxeira, pero non puido evitar que un veciño que se fixo pasar por turista o bloqueara na zona das Torres do Oeste.

"Cando se achegou a min, a unha distancia prudente, agarreino e díxenlle que iamos esperar a que chegase a Garda Civil. Púxose todo nervioso, pero viña por detrás un compañeiro meu que é un tío alto, entre os dous collémolo por un brazo cada un. Dixo que quería fumar e estivo tranquilo ata que chegou a Garda Civil e esposouno e levouno".

O ladrón resultou ser un veciño da Estrada de 29 anos, nacido en Francia. A Garda Civil investígao polo roubo e os danos que lle fixo ao vehículo.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/05/2019