CRTVG

Buscar

Veciños de Castroverde presumen da calidade da auga da súa fonte, feita en 1933

Publicado o 09/07/2018 14:18

Cando vai calor, nada coma a auga das fontes. Por exemplo a de Castedo, en Castroverde, que atrae unha chea de veciños da zona pola súa auga. Os habitantes da parroquia coidan dela e úsana para o seu consumo diario aínda que teñen de traída. Non son egoístas, e queren compartir ese ben con todo o mundo, por iso poñen vasos e xerras para que poida beber calquera que pase alí.

Os vasos xa están colocados dende primeira hora da mañá na fonte de Castedo, en Castroverde, para que calquera que pase polo lugar poida desfrutar da súa auga. Os veciños están tan orgullosos da súa fonte que animan a todas as persoas deste concello e dos lindeiros a achegarse ao lugar para levar litros do prezado líquido para a casa. De feito é habitual ver coches chegados dende Lugo cargados de botellas e garrafas. 

Aínda que Castedo está afastado das estradas e non hai sinalización que indique a presenza da fonte, a auga ten moito tirón. Nace nun manancial a poucos metros das casas e leva un líquido lixeiro e refrescante que se analiza cada pouco tempo e que está en perfectas condicións sanitarias. Os veciños cren que debe de ter algunha propiedade curativa e case todos beben un vaso segundo se erguen pola mañá.

A fonte foi construída en 1933 e mantén as pedras e o deseño orixinal dende aquela. Foron os propios veciños os que decidiron erguela e os que 85 anos despois seguen desfrutándoa e coidándoa con esmero.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/07/2018