CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

Veciños de Cambados mobilízanse contra a instalación dunha antena de telefonía móbil

Publicado o 07/11/2017 14:24

Hai unha mobilización en marcha, en Cambados, contra unha antena de telefonía móbil. Os veciños non a queren nesa zona, onde hai tres colexios e dúas garderías.
Ante tanta oposición, o propietario do terreo trata de negociar coa empresa a rescisión do contrato.

A veciñanza do barrio dos Caeiros, en Cambados, oponse ao proxecto de colocación dunha antena de telefonía móbil a carón das súas casas. Polo de agora conseguiron que o Concello paralizase a instalación por falta da licenza de obra. A empresa empezara a traballar só cun permiso de Industria.

"O Concello apoia os veciños e nós estamos intentando mobilizarnos para que a compañía vexa que non queremos a antena e que non estamos conformes coa colocación. Que busquen outro lugar lonxe, que non nos molesten".

O dono do terreo alugado pola empresa de telefonía quere rescindir o contrato tras coñecer a opinión contraria dos veciños. Ademais de vivendas unifamiliares con hortas, no barrio hai varios centros educativos: dúas garderías, dous colexios e un instituto.

"Estamos a recoller sinaturas entre as familias. Atopámonos a menos de 300 metros desa antena. Dos cinco centros, somos os que estamos máis preto e a comunidade educativa quere que nos quiten esa antena de aí".

"Afecta moitísimos nenos que se van ver expostos a estas ondas non ionizantes a idades moi temperás. Estou falando de nenos de meses. Non hai estudos que demostren que dentro de 10 ou 20 anos non poida ser prexudicial para eles. Queremos o mellor para os nosos fillos".

Levan recollidos varios centos de sinaturas para amosar o seu rexeitamento á antena. Mañá teñen convocada unha nova mobilización ás portas do Concello.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí