CRTVG

Buscar

Veciños de Boiro denuncian o mal estado de conservación dun cruceiro declarado BIC

Publicado o 04/04/2019 14:31

Este cruceiro está situado en Pazos, na parroquia de Boiro, e a inclinación que presenta é consecuencia de golpes na súa base. Non está claro quen ou que o golpeu e tamén hai debate no lugar sobre a conveniencia de cambialo de sitio para poñelo a salvo.

Segundo nos contan, o cruceiro é propiedade dun veciño, que se amosa moi descontento coa actitude do Concello e de Patrimonio ante a deterioración que sofre.

José Blanco Boullón declárase propietario do cruceiro: "Eu non son partidario de cambialo de sitio, pero se molesta, eu tráioo para a miña horta, na que teño sitio dabondo. Pero non estou de acordo en que se leve para ningún sitio de ocio. Se se quita de alí, tráioo para a horta".

Mentres tanto, o estado do cruceiro degrádase máis e acrecéntanse as posibilidades de que calquera día caia.

Luis, veciño de Coroño, Boiro: "Levará un par de anos escorado. De todos os xeitos, está bastante en perigo, porque nun momento dado pode envorcar. Non che podo dicir moito máis, nin cal foi o motivo; din que foi un camión, pero nin sei que camión foi".

Preto deste, no lugar veciño de Coroño, vemos que estoutro cruceiro tamén ten problemas de estabilidade. Neste caso, din os veciños, o máis conveniente sería afastalo algo do camiño máis transitado.

José, veciño de Coroño, Boiro: "Nas manobras dalgún vehículo pisan a base e o cruceiro está bastante inclinado. Calquera día pode caer. A maioría estamos de acordo en que se mova só un par de metros, simplemente para que se chega algún vehículo grande poida manobrar sen darlle un golpe ao cruceiro".

Os veciños consideran que entre o Goberno municipal e o autonómico deberían cooperar no coidadado destes bens patrimoniais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/04/2019