CRTVG

Buscar

Veciños de Berres (A Estrada) xuntan case 20.000 euros para a familia afectada por un incendio

Publicado o 15/10/2019 13:54

O incendio que deixou sen negocio e sen casa unha familia de Berres, na Estrada, provocou a solidariedade dos veciños. Na parroquia hai unhas 150 vivendas e máis de 400 veciños. Nun par de días de colecta porta a porta recadáronse case 20.000 euros. Unha cantidade considerable, aínda que necesitarán moito máis para afrontar os cuantiosos danos no taller de chapa e pintura e na vivenda. 

Manuel Villar Grela, pres. da asociación de veciños de Berres: "A resposta do 99,99% foi fabulosa. Eu non esperaba menos da parroquia de Berrres porque somos moi unidos. A resposta foi fenomenal, aínda está sendo porque non acabamos. Estamos finalizando a recadación pero foi moi ben". 

Os propietarios carecían de seguro. Agora están na casa duns parentes, na mesma parroquia, mentres esperan a que os técnicos avalíen a estabilidade da edificación.

Manuel Villar, presidente da asociación de veciños de Berres: "Non podemos facer unha avaliación porque aínda non podemos entrar no inmoble. A casa está precintada polos técnicos municipais que están a avaliar se se pode aproveitar algo para a reconstrución. Supoño que as cantidades serán elevadas porque quedaron sen roupa e sen nada". 

O lume que, segundo todos os indicios, se orixinou no taller situado no baixo da casa, provocou temperaturas de case mil graos. Destruíu totalmente o taller mecánico e causou danos enormes na vivenda.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/10/2019

Máis sobre a estrada

Estradense 0-1 Arzúa
20/01/2020 13:04