CRTVG

Buscar

Veciños de Avión levan quince días sen teléfono

Publicado o 30/09/2019 14:16

Quince días levan xa sen teléfono os veciños de varias aldeas do concello ourensán de Avión. A avaría, que afecta os teléfonos fixos, prexudica, sobre todo, os maiores. Xente que pasa dos noventa anos e que quedou, por exemplo, sen o servizo de teleasistencia

Leonor é a avoa de Amiudal. Aos seus 101 anos, vive soa, pero precisa axuda externa e o servizo de teleasistencia, interrompido desde que se lle avariou o teléfono: "Iso é por se caio -explica- para que me veñan asistir, levantarme, porque se caio non me podo levantar".

"Eu tamén estou sen teléfono e teño a miña xente fóra, e non podo falar... Que o arranxen", di outra veciña.

Coma elas, calculan que hai medio cento de veciños afectados, entre Amiudal e outras aldeas dos arredores. Os móbiles funcionan e Internet tamén. O problema é para os que só teñen telefonía fixa que, na maioría dos casos, son tamén os máis anciáns.

"A miña sogra, que vive na aldea seguinte, ten 93 anos, está soa, e ao lado hai una señora de 101 que tamén está soa, e dependen do teléfono para todo, así que, por favor que nos axuden", di unha veciña.

"Movistar ou quen sexa, que se acorde da xente maior, que está soíña. Chamámolos cada pouco por teléfono para ver se están ben, e agora hai que ir alí. Isto non pode ser", engade outra.

"A maioría das casas están desocupadas, un veciño aquí, outro alí, e totalmente desatendidos", puntualiza unha terceira.

Explican que chamaron reiteradamente a compañía telefónica, pero o problema segue sen solucionarse.

"Xa chamamos ao 1002, ao 1004, unhas veces conseguimos comunicarnos, outras déixannos co contestador... O outro día falei con eles e dixéronme que non tiñan notificación de ningunha incidencia nesta zona. Volvemos notificalo, pero os teléfonos seguen sen funcionar".

Levan así quince días. E é a segunda vez que lles pasa, en pouco tempo. A anterior foi en xullo. Mes e medio sen teléfono por unha avaría causada pola caída dun raio.

Noticias web

30/09/2019