CRTVG

Buscar

Veciños de Abadín volven denunciar ataques de lobos

Publicado o 29/01/2020 14:38

Un poldro valorado en 400 euros foi a última vítima dos lobos no concello de Abadín. O animal estaba a pacer neste prado lindeiro coas vivendas do lugar de Espiñarcao cando foi acometido polos lobos, que o arrastraron ata un carreiro, onde o devoraron parcialmente. O ataque produciuse a plena luz do día, igual que aconteceu hai unha semana cando mataron un poldro de iguais características propiedade do mesmo gandeiro.

"Neste último caso colleron o poldro no prado e levárono para o camiño ata que o mataron. Xa se ve o que lle fixeron. Eu atopeino morto e medio comido".

"Este veciño ten que manter os seus cans, non llos vou manter eu. Pois igual pasa co lobo. O que o queira, que o manteña. Porque esto non é un poldro morto, son 400 euros menos para o gandeiro".

Os ataques do lobo no concello de Abadín prodúcense, segundo os gandeiros, todas as semanas. Ás veces matan as reses nos prados, pero noutras ocasións déixanos feridos e morren aos poucos días polas mancaduras ou polas infeccións. Fanoi, Baroncelle, Corvite ou Romariz son algúns dos lugares máis afectados e neles matan tanto cabalos como vacas ou ovellas. Por iso, os gandeiros piden que se tomen medidas urxentes para poñer fin a unha situación que, aseguran, provoca unhas perdas económicas que poden levar ao peche a algunhas explotacións.

"Hai oito días levaron outro poldro coma este. Collérono mesmo debaixo dun foco ao pé das casas. Eu creo que ata son capaces de entrar nas cortes".

"A metade da xente xa non denuncia porque non se cobra nada. E ás veces nin sequera se atopan os restos porque son moitos lobos a comer".

Os gandeiros din que tiveron que retirar o gando dos montes por causa dos ataques e traelo preto das casas, pero que ese feito fixo que os lobos anden cada vez máis pola contorna das vivendas e explotacións.

Noticias web

29/01/2020