CRTVG

Buscar

Veciños da praza do Inferniño de Ferrol denuncian o mal ambiente que xeran grupos de mozos

Publicado o 05/05/2021 14:24

A praza ferrolá do Inferniño está a converterse polas tardes nun espazo ocupado por grupos de rapaces que arman lea e pelexan entre eles. Unha esquina foi escenario onte á tarde da última liorta. Queda a pegada dalgún dos proxectís empregados durante a pelexa, que impediu a algúns veciños baixar á rúa.

Unha muller explica: "Coincidiume saír a buscar a miña filla ao colexio e tiven que agardar. Porque, de repente, empezaron a golpes, lanzaban cascallos e pedras grandes, penso que lle deron a coches que había aparcados, a xente polas ventás. Non se podía saír, porque lles dá igual os coches, a xente, os nenos... xa non se pode ir á praza porque están aí exercendo de donos e señores. Agás agora pola mañá. A partir do mediodía xa non se pode estar, imposible".

Segundo contaron, isto vén sucedendo con máis frecuencia desde que acabou o confinamento pola pandemia. Outra veciña di que "ultimamente está moi chea de grupos, latinos sobre todo, que acaparan todo o espazo e os que son de aquí e teñen nenos xa non poden estar" e outra conta que "onte, por exemplo, cando houbo a lea que houbo xa veu a policía, obviamente. Pero, claro, vén con ela desde lonxe avisando e cando chegan aquí, os da liorta xa non están. Correron por aí e despois de moito buscar a policía, un levárono, porque o vin eu como o levaron. Eu non sei que se pode facer, pero isto é invivible para a xente que reside aquí, temos nenos e non poden estar aí, xogando".