Veciños da Ponte Noalla quéixanse dos danos nas súas casas pola actividade dunha canteira
Os veciños da Ponte Noalla, en San Cibrao das Viñas, amosan con desgusto o estado das súas casas. As fendas percorren as paredes, o chan ou a fachada de moitas delas. Atribúenas a actividade dunha canteira situada a menos dun quilómetro das vivendas.
Levan anos preocupados por esta situación e din que xa falaron varias veces coa empresa. Cando esta fai as medicións pertinentes din que todo encaixa dentro dos parámetros que se lle esixen. O que acontece, aseguran, é que as explosións son máis fortes do habitual, algunhas veces coa conseguinte preocupación dos veciños.
Insisten en que non queren que peche a canteira, pero si que se limite a intensidade das explosións.
Algúns, cansos de agardar unha solución, decidiron arranxar os danos das súas vivendas. Nesta zona residen arredor dunha vintena de familias que din que só queren vivir con tranquilidade.