CRTVG

Buscar

Veciños da Pobra, preocupados por un niño de velutinas preto das casas

Publicado o 10/07/2020 14:04

Veciños dun barrio da Pobra do Caramiñal están preocupados porque hai un niño de velutina nunha árbore a carón das súas casas. Din que xa avisaron o Concello, pero que aínda non foron quitalo. Aseguran que as avespas xa picaron dúas persoas que precisaron atención médica.

Hai quince días descubriron un niño de vespa velutina no alto deste eucalipto, que está preto de varias casas da Pobra do Caramiñal. Veciños da zona din que avisaron o Concello, pero que de momento non foi ninguén a quitalo. Están preocupados porque, segundo din, é unha zona por onde pasan nenos e mozos para ir á praia e as avespas non sempre están no alto da árbore.

"É unha preocupación para todos porque andan voando por aquí moi cerca da estrada. E entereime de que unha señora e unha rapaza foron ao hospital con picaduras de velutina, e eran desta zona. Foron uns rapaces que andiveron a pedradasa con elas, saíron moi expansivas e foi o motivo de que lles picaran", conta Santiago Gómez Millán, que vive nunha das casas preto do niño.

"Eu teño a leira aí o lado, saio cos animais, e estou preocupado, e os veciños tamén. E cando salgo á terraza vexo velutinas e pecho as ventanas", di Ramón Manuel Fernández.

Segundo afirman, non é a primeira vez que aniñan velutinas neste barrio e tampouco noutras ocasións foron quitalos. Só Protecciòn Civil puxo trampas en árbores próximas.

"Eu aí na casa tiven dous, chameinos, chamei o Concello, e devolvéronme a chamada tres meses máis tarde. Realmente tiven que buscarme a vida eu pola miña conta para sacalas de aí", engade Ramón.

Confían en que nesta ocasión vaia antes persoal especializado, xa que o niño medra e cada vez hai máis avespas.

Noticias web

10/07/2020