CRTVG

Buscar

Denuncian estragos dos cabalos salvaxes en cultivos de Armenteira

Publicado o 22/03/2019 17:13

Chega o momento de plantar e sementar, pero nesta zona do concello de Meis hai quen non o ten claro pola destrución que están a ocasionar cabalos salvaxes.

Os cabalos que imos ver aquí móvense controladamente pola Armenteira, pero, segundo nos contan, do monte de Castrove baixan os que están ceibos e ocasionan boas desfeitas. María, que vive do traballo agrícola, conta os danos máis recentes.

María, unha agricultora que vive da venda da súa produción explica: "Desfixéronme unha plantación de repolos que tiña sobre unhas 2.800 plantas. Comeron a metade e o resto estragárono. Ou sexa, estragáronme unha leira de repolos que para min era o sustento do mes de xaneiro e do de febreiro. A min leváronme o soldo de dous meses, porque ninguén se fai cargo dos danos. Despois, leiras en que xa tiña que ter as plantacións feitas non é posible, porque baixan os cabalos e desfannos todo".

A presenza dos cabalos ceibos ten preocupados os veciños da zona da Armenteira, tamén polo risco que supón no tráfico polas estradas.

Eva Varela, que participa na directiva da asociación de veciños da Armenteira di que "o problema primeiro é que entran nas propiedades privadas e estráganas. E é máis grave se se trata de xente que vive do seu cultivo. Nos últimos tempos tamén houbo atropelos. Días atrás un poldro bateu contra un coche na zona da capela de San Antonio e claro, ese animal ferido, quen sabe onde vai morrer. E vémonos na situación de querer solucionar o problema e por iso temos o sábado unha asemblea e, facendo achegas das dúas partes, buscar unha solución".

O feito de que os cabalos salvaxes baixen ás leiras na procura de alimento non é novo nesta zona.

María, agricultora e veciña da Armenteira, explica que dun tempo a esta parte non é que haxa máis cabalos ceibos o peor é que os donos preocúpanse menos dos dos seus animais. E así, di, "levamos desde o verán pasado cos cabalos todos os días indo ás leiras".

As prexudicadas confían en encontrar a solución na xuntanza que convocaron para mañá destinada a tratar o problema.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/03/2019