CRTVG

Buscar

Veciños, Concello de Vimianzo e Cáritas arranxan un piso para unha familia de refuxiados sirios

Publicado o 21/08/2020 14:38

Xa está todo listo para que Fatma e Hakim se trasladen, coas súas cinco fillas, ao seu novo fogar, no centro urbano de Vimianzo. Unha vivenda que é realidade grazas á colaboración entre o Concello, Cáritas e a solidariedade da veciñanza, que doou todos os mobles. Un exemplo de unión para que unha familia de refuxiados sirios poida emprender aquí unha nova vida.

O párroco de Vimianzo, Daniel Turnes, explica que a vivenda era do Arcebispado, que lla cedeu a Cáritas. Esta organización asinou un convenio co concello para facer as obras de rehabilitación e en só tres días os veciños achegaron todos os mobles. Ademais, da carpintería encargouse o propio Hakim, carpinteiro de profesión.

O inmoble estaba en moi mal estado. Houbo que realizar obras para substituír os teitos, botar o chan, facer unha cociña e novos cuartos de baño, un deles adaptado para a cadeira de rodas dunha das fillas da parella.

Os traballos custaron uns 25.000 euros, sufragados nun 60 por cento polo Concello e pola igrexa no 40 por cento restante. O pobo puxo o demais, e agora só queda que os novos inquilinos enchan a casa de vida ata que a súa situación lles permita pagar unha vivenda propia.

O cura explica que a idea é que a casa sexa un fogar transitorio para quen o precise, pero non permanente, e engade que todos poden visitala hoxe para ver o resultado.

Hoxe, a casa ten as súas portas abertas para que calquera poida comprobar o ben que quedou grazas á colaboración de todos.

Noticias web

21/08/2020