CRTVG

Buscar

Vázquez Almuíña: "O novo modelo sanitario pretende mellorar o servizo e achegalo aos cidadáns"

Publicado o 25/02/2019 10:58

No tempo da conversa do 'Bos días', Marcos Sueiro entrevista o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña.

Novo modelo de atención sanitaria con 175 medidas, 75 de aplicación inmediata

"É un proceso moi participativo con profesionais do sector e tamén con cidadans e a idea é seguir facendo cambios. Temos unha atención primaria moi ben valorada, e o servizo sanitario mellor valorado e que a nivel nacional agora está nun proceso de cambio. Nós quixemos avanzar canto antes, e canda o país vasco, somos as dúas comunidades que estamos facendo un esforzo para situar este servizo nos mellores niveis de calidade nos próximos anos".

"Hai seis liñas estratéxicas dentro desas medidas, de momento é un borrador, que van encamiñadas a que os profesionais teñan máis tempo para avaliar os doentes. Reforzar todo o equipo de distintas profesións que compón a atención primaria, outra das liñas e reforzar a relación de atención primaria co hospital, nos dous sentidos. Outro punto importante é a formación e a investigación. Tamén é importante empoderar en aspectos sanitarios aos cidadáns e formalos para utilizar adecuadamente os recursos".

"Queremos que este proceso poida estar operativo con 75 puntos xa de forma directa en 6 meses. Boa parte das medidas precisan de orzamento e ímolo cuantificar esta semana para a atención primaria. De agora en diante haberá un plan de necesidades diferenciado entre a atención primaria e a hospitalaria. Tamén estamos incluíndo un novo profesional que é o especialista en enfermería de medicina de familia e de pediatria".

Faltan médicos de atención primaria e pediatría

"En España temos o problema da falta de profesionais de atención primaria para facer substitucións e a idea é crear máis prazas de residentes MIR; ten que ser acompasado polo Ministerio porque é quen acredita as prazas".

Novas funcións de enfermería

"Aínda estamos definindo o modelo. Queremos que enfermería teña máis peso dentro do equipo multidisciplinar. Galicia creou nos últimos anos a categoría de enfermería especializada en familia e pediatría, que dentro das súas competencias pode colaborar de forma maior co equipo, tanto no centro como no domicilio".

Ofertas públicas de emprego

"Nós pedimos ao Ministerio que, para especialidades deficitarias como auxiliares de enfermería, eliminara a taxa de reposición e así poderíamos facer unha oferta maior. Esta semana faremos pública a oferta de emprego para 2019; creo que vai ser histórica en Atención Primaria, para incorporar e estabilizar os profesionais desta área tan importante".

O novo modelo hospitalario pretende achegar os servizos aos cidadáns

"A modificación da lei 8 quere potenciar que os servizos se acheguen o máximo posible ao cidadán. Todo o que se poida facer nos centros de saúde, vaise facer e o que se poida facer nun hospital comarcal tamén o ímos facer. De feito, xa presentamos hai uns días o novo Plan director do hospital de Monforte, que busca mellorar a hospitalización, facer a medicina máis ambulatoria, hospitais de día, mellorar as consultas externas..., dar unha orientación diferente a un hospital que se construíu hai 33 anos, e todos os investimentos a nivel hospitalaría van ir por aí. Levar os máximos servizos preto do cidadán. Mañán tamén imos presentar o futuro do hospital do Barco de Valdeorras".

Investimentos en centros de saúde

"Os investimentos foron de máis de 100 millóns nos últimos 10 anos para case 100 centros de saúde, entre os novos e os reformados".

"Nós estamos pedindo ao Ministerio, e ás distintas ministras, máis prazas MIR e máis prazas docentes de pediatría e de atención primaria. Agora está un pouco parado pola situación. Hai déficit de profesionais e queremos atraer non só os profesionais que acaban con nós, senón tamén doutras comunidades e do norte de Portugal".

Propostas do xefes de servizo de Vigo

Os xefes de Vigo, que eu coñezo a maior parte deles, son magníficos profesionais e a idea é que as achegas que poidan facer se integren nos grupos de mellora neste borrador do novo modelo. Vigo ten algunha condición diferente a outras áreas sanitarias porque se fixo a maior remodelación da historia a nivel hospitalario, polo que hai que potenciar máis a relación entre primaria e hospitalaria ca noutras áreas máis estables, como Santiago ou A Coruña".

A Xunta estuda non adminitir nas súas garderías nenos sen vacinar

"Conseguimos facer despois de moito tempo un único calendario vacinal para os nenos para toda España. En Galicia e en España en xeral, as familias responden moi ben ás vacinas. Temos unha taxa de vacinación por enriba do 97 %. Calquera medida que fomente chegar ao 100 % creo que debe ser estudada e valorada".







 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/02/2019