CRTVG

Buscar

Varios xulgados do social da Coruña fixan citacións para o ano 2024

Publicado o 14/02/2020 11:40
Varios xulgados do social da Coruña fixan citacións para o ano 2024

O Colexio de Avogados da Coruña denunciou este venres novamente a situación "insostible" do sistema xudicial na cidade, que está "a empeorar" e conta xa con citacións dalgúns xulgados do social para 2024.

"Este presente está a hipotecar o futuro da xustiza na cidade", advertiu nun comunicado.

É a terceira vez que a entidade colexial denuncia este escenario de atrasos porque o "colapso é cada vez é maior".

Apunta que os responsables das administracións públicas "sempre falan da necesidade de modernizar a xustiza, de dotala de medios, pero seguimos exactamente igual que hai anos; o único que cambia é o atraso, que cada vez é maior".

Segundo os seus datos, algúns xulgados do social están a dar datas de citacións para 2024, é dicir catro anos de espera para un xuízo, un tempo que considera "inadmisible".

Hai unhas semanas, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia propuxo establecer novos xulgados na cidade pero esa solicitude "non implica que se vaia realizar", polo que o Colexio de Avogados agradeceu a petición pero, "seguimos na mesma situación", lamenta.

Tamén denuncia que hai algúns xulgados con traballadores en situación de baixa laboral e non se están cubrindo estes postos, e que non se reparten entre outros xulgados os asuntos que non se están despachando.