CRTVG

Buscar

Varios países suspenden voos co Reino Unido

Publicado o 20/12/2020 20:57

España decidiu reforzar nos aeroportos e portos, o control de verificación de probas PCR ás persoas procedentes do Reino Unido, pero de momento mantén as conexións aéreas con ese país. Durante toda a xornada o Goberno reclamoulle á presidenta da Comisión Europea, Úrsula van der Leyen, e ao presidente do Consello unha resposta conxunta da UE ante a nova cepa do coronavirus.

A través das redes sociais, a ministra de Asuntos Exteriores, Arantxa González Laya, explicou que o obxectivo do Goberno español é protexer os dereitos dos cidadáns comunitarios desde a coordinación, evitando a unilateralidade. E advertía que se esa resposta non chegaba, España tamén se sumaría á suspensión dos voos. Esa resposta pode producirse este luns. A presidencia alemá da UE convocou unha reunión urxente ao máis alto nivel para coordinala.

Antes, este domingo, desde o Consello Europeo e a través de videoconferencia xa analizaron toda a información da que dispoñen sobre a nova variante do virus, e as medidas preventivas tomadas por varios países.

Holanda foi a primeira en reaccionar. Cancelou as conexións aéreas co Reino Unido ata o 1 de xaneiro. As autoridades sanitarias holandesas admitiron que a principios de mes detectaron unha variante do coronavirus circulando polo país, pero que foi tras a alarma xurdida en Londres cando analizaron a cepa e como se produciu o contaxio.
Despois veu un goteo de países que se foron sumando á suspensión dos voos, Bélxica, Italia, Austria, Alemaña, Francia ou Bulgaria.

Noticias web

20/12/2020