CRTVG

Buscar

Os primeiros ministros do Reino Unido e Francia vacínanse para dar confianza

Publicado o 19/03/2021 14:56

• Varios países retoman a vacinación con AstraZeneca pero outros prefiren agardar

Ata 15 países europeos suspenderan temporalmente a administración da vacina de AstraZeneca. Agora, varios reanudan o seu uso de xeito inmediato. Hoxe mesmo volven vacinar con ela en Italia, Alemaña ou Francia.

Tras o ditame da Axencia Europea do Medicamento varios países anunciaron de inmediato que retomarían a vacinación con AstraZeneca. Iso si, no país galo a alta autoridade de Sanidade recomenda non aplicala en persoas de menos de 55 anos mentres non se despexen as dúbidas sobre o risco de trombos.

Portugal, Holanda, Bulgaria ou Eslovenia, entre outros, prefiren facer como España e agardar á semana que vén. Pola contra, Finlandia, Noruega, Suecia mantéñena en suspenso. Prefiren agardar os resultados dos seus propios estudos médicos.

En Francia, o primeiro ministro, Jean Castex, quixo dar exemplo e tamén puxo ese tratamento, pero a Autoridade Sanitaria gala prescribe que só se use nas persoas maiores de 55 anos, polas dúbidas sobre os problemas sanguíneos.

O primeiro ministro británico, Boris Johnson, tamén recibiu hoxe a primeira dose da vacina contra a covid-19 desenvolvida pola farmacéutica AstraZeneca e a Universidade de Oxford. Johnson, de 56 anos de idade, acudiu ao hospital londiniense St Thomas, o mesmo onde en abril do ano pasado estivo varios días ingresado en coidados intensivos tras contaxiarse do coronavirus. "Literalmente non sentín nada", dixo Johnson aos medios tras abandonar o centro médico.

Cuestionado por posibles temores entre a poboación para sufrir efectos secundarios, o primeiro ministro respondeu: "Non me escoiten só a min, escoiten a todos os científicos e ao que a Axencia Europea do Medicamento dixo onte".

O primeiro ministro italiano, Mario Draghi tamén anunciou que se vacinará con AstraZeneca, pero recoñeceu que aínda non ten cita.  

 

 

 

Noticias web

19/03/2021