CRTVG

Buscar

Retiran os vagóns do tren accidentado no Porriño para poder restablecer a circulación esta tarde

Publicado o 09/09/2016 10:56

Os falecidos son o maquinista do tren, de orixe portuguesa, o interventor, de nacionalidade española, un mozo de 23 anos de Vigo e un home de nacionalidade americana. Desde onte pola tarde están a ser analizados os datos da caixa negra do convoi, que será desmontado este sábado unha vez rematada a inspección ocular da policía xudicial

Pasadas as catro e media da mañá, os guindastres conseguiron levantar un palmo do chan a máquina do tren Celta que onte descarrilou no Porriño cando cubría o traxecto Vigo-Porto. Foi un traballo intenso, que se prolongou durante horas e que esixiu un esforzo brutal dos bombeiros de Vigo e do Porriño, que, auxiliados por outros operarios, traballaron conxuntamente entre a ferralla. Os comités de empresa de Renfe e ADIF en Vigo gardarán este sábado cinco minutos de silencio polas vítimas do accidente do Porriño. Será ás once e media desta mañá na estación de Vigo-Guixar. 

Polo menos catro persoas perderon a vida e varias persoas resultaron feridas, algunha delas de gravidade, ao descarrilar un tren de pasaxeiros arredor das 9.30h desta mañá no Porriño, segundo informa a alcaldesa da localidade. Os falecidos son o maquinista do tren, de orixe portuguesa, o interventor, de nacionalidade española, un mozo de 23 anos de Vigo que estaba a facer prácticas laborais para a operadora ferroviaria Renfe, e un home de nacionalidade americana.

O accidente produciuse preto da estación á altura dun supermercado. O tren, coñecido como o Tren Celta, que constaba de cinco vagóns, estaba a realizar o traxecto entre Vigo e Porto. Comezou a descarrilar por causas que se descoñecen á súa chegada á estación e colisionou contra un poste da luz á altura da ponte sobre a N-120 á altura das Angustias. 

Segundo Renfe, no tren que pertence a Comboios de Portugal, viaxaban 65 persoas, 63 delas pasaxeiros. Entre os viaxeiros que ían no tren había españois, británicos, hispanoamericanos, italianos e coreanos. 

Segundo comunicou 061-Urxencias Sanitarias é moi probable que non haxa que lamentar máis mortes. Arestora permanecen ingresadas 14 persoas, 13 delas en planta e outra en urxencias. 34 xa foron dadas de alta ao longo do día. Todos os feridos foron repartidos entre o hospital Álvaro Cunqueiro, a clínica Povisa, a de Fátima e o centro de saúde do Porriño.

Segundo informou a Xunta a través dun comunciado, o operativo que está traballando na zona está conformado por servizos sanitarios de urxencia, bombeiros do Baixo Miño e de Vigo, membros de Protección Civil e axentes. Urxencias Médicas enviou senllos equipos médicos a bordo dos helicópteros con base en Santiago e en Ourense. 

Adif indicou que o tráfico entre Louredo-O Porriño, da liña Pontevedra-Tui-Portugal atópase ininterrumpido. 

Dende Adif aseguran que abriran unha investigacón para determinar as causas do accidente. Así mesmo, o Xulgado número dous do Porriño asumiu unha investigación sobre o sinistro.. 

Ademais, segundo informa a Xunta a través de twitter, dende Adif poñen a disposición dos familiares dos pasaxeiros o teléfono 900 10 10 20.

O ministro de Fomento en funcións, Rafael Catalá, confirmou que había obras de mantemento na vía principal que obrigaban a reducir a velocidade.

Segundo informou o presidente de Comboios de Portugal, o maquista contaba cunha dilatada experiencia, e remarcou que o tres accidentado dispoñía de todas as certificacións e garantías e contaba, así mesmo, con todos os requisitos esixidos para poder funcionar e operar con normalidade.

  • O accidente contado polas testemuñas

O coñecido como Tren Celta saíra da estación viguesa de Guixar ás 9 e dous minutos da mañá con destino O Porto, un traxecto que repite dúas veces ao día. A primeira parada ía ser en Valença, polo que tiña vía libre para atravesar O Porriño a un máximo de 80 quilómetros por hora. Pero á entrada na vila, cando pasaba baixo a ponte da nacional 120, saíu da vía.

"A miña casa está xusto detrás das vía, e sentimos un estrondo moi grande, como se fose un tremor ou un vento moi forte" "Oiuse un ruído de cristais, fumareda". Despois de descarrilar o vagón dianteiro envorcou e bateu contra unha torre eléctrica. A bordo do convoi ían o maquinista, o revisor e 63 pasaxeiros de 9 nacionalidades distintas, sobre todo españois.

"Notei unha sacudida, pero non me asustei ao principio. Despois si que xa se movía continuamente e era difícil manter o equilibrio, e entón choquei co asento de diante e por iso teño esta ferida", conta esta viaxeira. "Foi como unha freada moi forte, caéronsenos enriba as maletas, a miña nai golpeou o meu pai e fíxolle bastante dano, ao meu pai dóelle bastante o pescozo, despois saímos e vimos a todo o mundo con sangue", conta estoutra.

En poucos minutos, chegaron os servizos de urxencias. Bombeiros e veciños axudaron os atrapados a saír dos vagóns. Tres persoas morreron no lugar e unha cuarta no hospital. 48 viaxeiros quedaron feridos. O resto continuou viaxe ata Valença en autobús. O tren pertencía á compañía Comboios de Portugal, que presta o servizo entre as dúas cidades en colaboración con Renfe. Está cortado o tráfico ferroviario desde Portugal e entre Ourense e Redondela.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/09/2016