CRTVG

Buscar

Varios detidos en Roma tras unha protesta violenta contra os peches decretados por mor da covid-19

Publicado o 28/10/2020 14:10

Os disturbios rexistráronse ao remate dunha protesta pacífica de hostaleiros e comerciantes romanos contra o peche obrigatorio dos negocios ás seis da tarde aprobado polo Goberno dentro do seu paquete anticovid.

Segundo os medios locais, un grupo de 200 ultradereitistas infiltráronse entre os manifestantes e comezaron a queimar colectores de lixo e a guindar obxectos contra a policía, que cargou para disolvelos.Hai varias persoas detidas.

Case ao mesmo tempo o primeiro ministro, Giuseppe Conte, anunciaba axudas por valor de máis de 5.000 millóns de euros para o sectores afectados polas novas restricións anticovid.

"A violencia xera violencia e non trae nada bo", respondía Conte ao ser interpelado polas violentas protestas dos últimos días en varias das principais cidades italianas.

Tamén o presidente francés, Enmanuel Macron, se prepara para anunciar nas próximas horas medidas máis drásticas para afrontar a rápida expansión da pandemia.

Este martes pediu o apoio dos partidos políticos ao novo paquete de medidas, que podería incluír un segundo confinamento de todo o país, pero menos severo que o que estivo vixente entre marzo e maio.

Un confinamento suave para as próximas 4 semanas e que prohibe as reunións en espazos públicos de persoas que non convivan xuntas é o que negocia a chanceler Angela Merkel cos lander alemáns.

 

Noticias web

28/10/2020