CRTVG

Buscar

Cinco contaxios por coronavirus nun centro de maiores de Santiago

Publicado o 20/03/2020 11:11
Cinco contaxios por coronavirus nun centro de maiores de Santiago

A residencia de maiores DomusVi de San Lázaro, en Santiago de Compostela, contabiliza cinco  contaxios de residentes, segundo confirmaron a Efe fontes da empresa, que xestiona máis dunha quincena de centros en Galicia.

Un dos residentes foi trasladado ao hospital e o centro está á espera de novos traslados, segundo engadiron as fontes consultadas.

Ao presentar varios residentes síntomas compatibles con coronavirus, o equipo médico contactou con Sanidade e un equipo trasladouse ao centro para realizar os tests, varios dos cales deron positivo.

Fontes da Consellería de Política Social confirman que ningún dos cinco casos é grave e que hai unha planta completa illada, con 60 usuarios que non presentan síntomas.

DomusVi subliña que, polo momento, non hai problemas de desabastecemento de equipos de protección, aínda que admite que hai "escaseza", xeneralizada en todo o país.

Lembran as fontes da empresa que se pecharon as portas e se prohibiron as visitas aos seus centros desde o luns pasado, e que antes se tomaron outras medidas de precaución, acordadas coas autoridades sanitarias e de política social, como a cancelación de actividades ao aire libre.

A empresa habilitou un servizo de videochamadas para que os familiares poidan contactar cos maiores internos nos seus centros.