CRTVG

Buscar

Varios avogados estarían dispostos a asumir a defensa do 'Chicle' no caso Diana Quer

Publicado o 13/01/2018 13:53

• O colexio de avogados da Coruña pide celo profesional no proceso

A vila de Rianxo trata de recuperar a tranquilidade sen éxito

As novidades do caso de Diana Quer pasan por saber quen será o novo defensor do único imputado pola morte da menor. O avogado de Enrique Abuín notificaba onte, oficialmente, que abandona a causa. O colexio de avogados da Coruña lembra a importancia do segredo profesional. 

Non se refire o Colexio de Avogados da Coruña ao proceder concreto de Ramón Sierra desde que detiveran a Abuín ata que el abandonou a causa. Non se refiren a el pero lembran agora, no medio dunha gran presenza mediática, que nestes casos o celo e a moderación no que os letrados conten é a unica forma de actuar aconsellable.

Así que dentro desta prisión segue o Chicle, por tanto, sen saber aínda quen defenderá os seus intereses ante a xustiza. Transcendeu, porque precisamente así o dixo o seu ex-avogado Ramón Sierra, que Abuín ata agora non tivo contacto con ninguén da súa familia e que o seu estado anímico é realmente malo. O que non dubida ninguén é que non será finalmente un avogado de oficio o que o defenda. Varios letrados, non só da Coruña, estarían dispostos a asumir a súa defensa.

Enrique Abuín é un cidadán acusado dun delito, nin inocente nin culpable nesta fase. O colexio de avogados da Coruña non se pronuncia sobre o dereito de todo profesional a deixar unha causa nin sobre a presenza maior ou menor dese letrado nos medios. Pero é precisamente agora cando o colexio, sen pensar estritamente en Sierra nin en ninguén, avisa a navegantes.

Enrique Abuín, alias o Chicle, dixo que atropelara a Diana Quer pero a autopsia confirmou o estrangulamento. Non se pode desbotar que houbera agresión sexual pero non hai ningún dato obxectivo que revele unha violación. Ramón Sierra, despois de varias versións dos feitos do Chicle, abandonaba a súa defensa. Dixo, e díxolle ao reo, que non se sente capaz de avogar por el coa paixón e a honestidade que require calquera caso penal.

Por boca do ex-avogado soubemos que hai varios avogados interesados en defender o Chicle e que non é certo que o reo falara coa súa familia. Á parte dos funcionarios de prisións e o propio Sierra, Enrique Abuín non falou nin viu a ninguén desde a súa detención o 29 de decembro. Tamén dixo que o seu estado de ánimo é malo. Os pais de Diana Quer queren que se volva imputar a muller de Enrique Abuín. O equipo do seu avogado, Ricardo Pérez Lama, recorrerá contra o auto de sobresemento que desimputaba a Rosario Rodríguez.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/01/2018