CRTVG

Buscar

A neve por debaixo dos 500 metros causa problemas nas estradas

Publicado o 04/01/2021 14:02

O frío non dá tregua e nas estradas cómpre precaución. A neve segue ser a protagonista nestes primeiros días do ano, e hoxe, ademais de manter en alerta as zonas montañosas do país, tamén chegou a vilas do interior de Galicia, como se puido ver, por exemplo, en Curtis, onde amenceron tinguidos de branco polas folerpas que caeron durante a noite.

A nevarada causaba pequenas incidencias a primeira hora da mañá na rede viaria. Recoméndase circular con moita precaución tanto pola neve como polas placas de xeo que poida haber na calzada. 

A estas horas xa está desactivado o aviso amarelo por acumulación de neve na montaña luguesa. As folerpas caeron por riba dos 400-500 metros en moitos puntos do país e, aínda que non se rexistraron espesores importantes, foron dabondo para entorpecer o tránsito de vehículos. 

"Botáronse fóra da vía varios vehículos. Nós, en colaboración con Protección Civil, axudamos. Non houbo feridos, pero si bastantes danos materiais", relata José Manuel Rocha, do GES de Curtis.

A neve e a existencia de placas de xeo na calzada condicionaron o tráfico nesta estrada que une Galicia con Asturias. Á altura de Curtis estivo prohibida a circulación de camións e vehículos articulados.

"Non se contaba con tanta neve pero o tempo é así. Agora está bastante ben pero pola mañá esta N-634 estivo cortada ata que as quitaneves foron abrindo camiño".

Tamén se prohibiu a circulación de camións noutras vías principais como as autovías nas Pontes e Vilalba, na estrada autonómica que une as localidades luguesas de Muras e Xermade, e nunha estrada secundaria en Pedrafita do Cebreiro.

En Carballeda de Valdeorras, en Ourense, segue cortada a estrada á altura de Casaio. Tamén está intransitable outra estrada de montaña no Piornedo, nos Ancares.

As previsións meteorolóxicas indican que as precipitacións de neve irán remitindo ao longo do día. Pero para a próxima madrugada MeteoGalicia ten activado outro aviso amarelo na montaña de Lugo e na montaña e no sur da provincia de Ourense.

 

Noticias web

04/01/2021