CRTVG

Buscar

Varias confrarías de Pontevedra comezan a retirar a nova praga de estrelas de mar

Publicado o 06/08/2019 13:49

A proliferación de estrelas de mar comeza a ser un grave problema para moitos bancos marisqueiros da ría de Pontevedra e para os bateeiros. Trátase dun depredador natural que ataca a ameixa e as cordas con cría de mexillón.

Varias confrarías de Pontevedra xa comezaron a retiralas da auga coas súas propias mans para evitar perdas maiores. En cuestión de dúas horas poden quitar unha tonelada desta especie.

Volven ao peirao de Raxó, pero no interior deste barco só atopamos estrelas de mar. Mergulladores e mariñeiros de varias confrarías de Pontevedra aproveitan as tardes para saír ao mar e recollelas coas súas propias mans.

En terra descargan estas estrelas, que depositan en varios contedores, onde unha empresa, contratada por eles mesmos, se encaraga de levalas para darlles outros usos.

Esta praga afecta varias confrarías. Por iso, este martes, patróns de Pontevedra, Lourizán, Raxó e Bueu mantiveron unha xuntanza para trasladarlle esta problemática á conselleira e, sobre todo, para buscar o porqué desta proliferación de estrelas.

Estas confrarías agardan que se solucione esta problemática para non pór en perigo a viabilidade da campaña da ameixa ou do mexillón.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/08/2019