CRTVG

Buscar

Varias comunidades están facendo cribados masivos para frear os contaxios

Publicado o 24/08/2020 14:45

O total de casos achégase en España aos 400.000, segundo os datos máis recentes, e é nestes momentos o país con mais contaxios de Europa.

Á cabeza, Cataluña, que sumou case 1.800 positivos nas últimas 24 horas, iso si, sen ningunha morte, e Madrid, cun terzo dos novos contaxios.

No País Vasco, hoxe comezaron a facer probas masivas para acoutar o gromo de Gernika, que leva 51 positivos, todos menores de 45 anos.

A realización de cribados masivos está a resultar a medida máis rerrodida nas distintas comunidades autónomas para controlar a expansión do virus.

O Departamento de Saúde do País Vasco estao facendo en Gernika, onde xa se confirmaron 51 positivos. As PCR van destinadas a aquelas persoas que estiveron na zona de ocio entre os días 14 e 17 de agosto.

Tamén preocupan as residencias de maiores. Na de Barrika, Biscaia, faleceron dous usuarios e hai 33 infectados.

Miren Nekane Murga, conselleira de Sanidade do País Vasco, asegura que os datos actualizados en Euskadi seguen "alimentando a preocupación", a pesar de que hoxe o número de casos positivos detectados é menor ca en días anteriores.

E en Cataluña, onde hoxe comunicaron 1.788 positivos novos, continúan os cribados masivos, como en Cornellá de Llobregat.

O presidente da Generalitat anunciaba hoxe novas medidas, como a prohibición de reunións sociais con máis de dez persoas, tanto no ámbito público coma no privado.

Quim Torra, presidente da Generalitat de Cataluña, asegura que os casos están crecendo "de maneira persistente, e polo tanto, temos que enviarlle á sociedade catalá un sinal de alerta".

En Madrid, seguen recluídos os habitantes de Tielmes, unha poboación pantasma de 2.600 habitantes onde se suspenderon practicamente todas as actividades no exterior.

"Confinamento como tal non é, son recomendacións para restrinxir o movemento de persoas", aclara Miguel Ángel Barbero, alcalde de Tielmes. 

A Comunidade de Madrid pídelles aos cidadáns que eviten interaccións sociais innecesarias.

E en Castelló, están pendentes do gromo no hospital provincial, que obrigou a adiar operacións ao detectárense 7 positivos entre persoal de quirófano.












 

Noticias web

24/08/2020