CRTVG

Buscar

Van xa 30 feridos e 8.500 hectáreas queimadas polos incendios en Portugal

Publicado o 22/07/2019 16:16

As escenas vividas na fin de semana en Portugal fan lembrar a traxedia dos incendios forestais de 2017. Polo de agora xa arderon 8.500 hectáreas nos distritos de Viseu, Castelo Branco e Santarém, no centro do país, que deixaron un saldo de trinta persoas feridas, unha delas en estado grave. Os equipos de loita contra o lume tratan de frear o avance das lapas cara a dez núcleos rurais de poboación entre Vila de Rei e Mação.

O traballo dos bombeiros e dos veciños que colaboran nos labores de extinción vese dificultado polas altas temperaturas de ata corenta graos que afectan máis de corenta municipios. Á calor hai que engadirlle a acción de ventos secos e unha escaseza de humidade que tamén se produciran hai dous anos, cando 155 persoas perderan a vida nos incendios.

O lume avanza moi á presa e mesmo obrigou a evacuar unha praia fluvial en Cardigos en que había 1.300 persoas. A Autoridade Nacional de Protección Civil sinalou que hai zonas onde a pendente do terreo tamén dificulta o apagado do lume e onde se rexistraron lapas de ata 30 metros de altura. A Garda Nacional Republicana traballa coa hipótese de que se trate de incendios intencionados.

Noticias web

22/07/2019