CRTVG

Buscar

Valga vive o segundo día de loito

Publicado o 17/09/2019 20:53

Valga vive o segundo dos tres días de loito oficial que onte decretou por unanimidade a corporación municipal. Os concelleiros dos tres grupos, PP, PSOE e Valga Viva, subscribiron un manifesto de condena polo triplo asasinato, e de apoio aos familiares das vítimas.

A concelleira de Igualdade lembraba que aínda non cicatrizaron as feridas da anterior vítima mortal de violencia machista no concello, en marzo deste ano, cando Valga se enfronta novamente á dor e á consternación por este crime.

O Concello suspendeu as actividades municipais, pero os colexios manteñen as clases para intentar facilitar a volta á normalidade dos máis pequenos. Ás doce e media convocouse unha concentración no instituto para rexeitar o asasinato machista. Entre os asistentes, membros da comunidade educativa, da corporación municipal e numerosos alumnos, que leron poemas e un manifesto pola igualdade.

Esta tarde ás oito haberá unha nova concentración na praza do concello, e o auditorio municipal xa está preparado para instalar a capela ardente das vítimas. No recinto tamén se celebrará, previsiblemente mañá ás seis e media da tarde, o funeral polas tres mulleres asasinadas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/09/2019