CRTVG

Buscar

A reconstrución será clave para determinar se houbo premeditación no crime machista de Valga

Publicado o 19/09/2019 14:14

As tres últimas vítimas da violencia machista en Galicia, Sandra, Alba e Elena, recibían onte ao serán sepultura no cemiterio da parroquia de Campaña, tras un multitudinario funeral oficiado polo arcebispo Xulián Barrio no auditorio de Cordeiro, en Valga, que acolleu a capela ardente.

Amigos, compañeiros de traballo e numerosos veciños arrouparon en todo momento a familia. Á parte da corporación municipal, acudiron varios representantes políticos da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e do Goberno central.

Ao mesmo tempo, ás oito da tarde, estábanse celebrando por toda Galicia concentracións de condena por este triplo crime machista. Por exemplo, no propio concello de Valga. Este pequeno concello pontevedrés, de apenas seis mil habitantes, continúa conmocionado polo segundo crime machista deste ano.

Á parte de consignas contra toda forma de machismo, reclamáronse medidas públicas para loitar con maior eficacia contra este tipo de violencia contra as mulleres.

A concentración de Vigo, ante o Marco, foi unha das máis multitudinarias. "Machista, escoita, estamos en loita!", berraron. Convocouna a coordinadora comarcal da Marcha Mundial das Mulleres, que tamén fixo un chamamento a manifestarse mañá pola noite polo centro da cidade.

Os colectivos feministas da Coruña tamén convocaron concentración de condena diante do Obelisco ás oito da tarde e instaron a unha nova para mañá baixo o lema "Emerxencia feminista", á que se sumará o Concello.

En total, máis de cincuenta vilas e cidades galegas secundaron nas rúas a convocatoria da Plataforma Feminista de Galicia, á que se sumaron outros colectivos sociais e veciñais.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/09/2019