Valentín González Formoso oficializa a súa candidatura á secretaría xeral do PSdeG
Nun acto cos militantes das Pontes, onde é alcalde desde hai 14 anos, Valentin González Formoso formalizou a súa candidatura nas primarias para liderar o PSdeG. Asegura que representa un proxecto que pretende abrir fiestras e non resignarse a ser a terceira forza política de Galicia. "Un proxecto que quere fuxir do cesarismo e do sectarismo, da exclusión de quen no pensa coma el. Ese é o proxecto que lle ofrecemos ao PSdeG nos próximos meses", aseguraba ante veciños e alcaldes da comarca das Pontes.
O actual secretario xeral e aspirante á reelección, Gonzalo Caballero pide o apoio da militancia para seguir avanzando nun proxecto que cualifica de gañador e transversal. E pon como exemplo o labor socialista á fronte de tantos concellos galegos. "As mellores alcaldías de Galicia son as que teñen alcaldes e alcaldesas socialistas, e queremos pedirlle á Xunta que se comprometa coa sanidade e coa educación", dixo en Caldas de Reis antes de asistir a un acto coa militancia da cidade da Coruña.
Este xoves remataba o prazo para inscribir as candidaturas ás primarias do PSdeG que celebrarán a primeira rolda o 30 de outubro.