Valentín González Formoso: "Endesa non pode marchar dunha instalación que lle deu todo durante 50 anos"
O alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, falou en directo da situación no que se encontra a central térmica da vila, a ameaza do seu peche e as súas alternativas de futuro.
"As nosas peticións creo que son totalmente realistas. Somos conscientes de que hai un marco comunitario cada vez máis restritivo coas emisións de CO2, que a tecnoloxía enerxética baseada no carbón ten os días contados, pero en calquera caso estamos poñendo enriba da mesa que hai alternativas para esta central", asegurou.
Para González Formoso as alternativas pasan por unha transición no combustible que consome a central: "Na maior potencia forestal de Europa, como é Galicia, creo que a saída ten que vir por esa hibridación cunha menor presencia paulatina do carbón e maior presencia dos combustibles que temos na propia Galicia. Iso suporía un compromiso de futuro con esta comarca".
Respecto á actitude da empresa, o alcalde das Pontes entende que se trata dunha entidade privada, pero os seus intereses, cre non poden pasar por enriba dos de toda unha comarca: "Eu creo que non é unha batalla contra ninguén, nin contra o Goberno nin contra Endesa. Endesa é unha empresa e polo tanto vive nun contexto enerxético no que a aposta son as enerxías renovables. Aquí o negocio que faría Endesa sería pechar os 1.500 megawatts que ten nas Pontes e subsituilos polos 1.500 megawatts de produción eólica porque ten garantido o que é o elemento máis preciado no mundo enerxético que é a evacuación da enerxía. O que se lle esixe a Endesa é que siga producindo enerxía, incorporando a central a esa economía circular e renovable". González Formoso foi contudente ao dicir que "o que non pode facer é marchar dunha instalación que lle deu todo durante 50 anos. Aí temos que esixir o compromiso social".
Por iso, insiste na reconversión da central: "É complexo pero o resultado das probas deste verán, en que a empresa está respondendo ben hai que apostar por ese proceso de hibridación. Deixar de ser un problema medioambiental a ser unha solución".
En canto ás promesas políticas, en concreto das realizadas polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a pesar da súa cercanía con el e de ser do seu mesmo partido, o alcalde das Pontes dixo que "é difícil crer nesa idea filosófica de que coa transición enerxética non se van perder empregos. As promesas e as decisións tan complexas requiren outro tipo de planificación. Por iso nos mobilizamos, por iso molestamos tanto nas rúas á xente, á que lles pedimos perdón, porque se non facemos así non somos o foco de atención. As palabras lévaas o vento, pero ao paro non o leva o vento".
E respecto á actitude do Goberno galego, González Formoso, pide que non busquen a conforntación política: "Eu o que pediría é un esforzo de altura de miras, e centrarnos en buscar solucións a este conflito".