CRTVG

Buscar

A Coruña sufriu unha quincena de roubos durante a fin de semana

Publicado o 09/08/2021 14:28

Portas esnaquizadas, mesas e cadeiras rotas e todo revolto. Así atoparon o local cando foron abrir a cafetería esta fin de semana na Coruña.

Os amigos do alleo aproveitaron a madrugada para entrar por unha pequena xanela co propósito de saír coa máquina rexistradora na man, ao non conseguilo, tiveron que forzar as portas, así que a tarefa levoulles algo máis do previsto, segundo recolleron as imaxes gravadas polas cámaras de seguridade do local.

Se ben, este non foi o único asalto perpetrado polos amigos do alleo durante a fin de semana na Coruña. Os ladróns entraron noutras 14 vivendas e locais comerciais da cidade.

A vicepresidenta do Colexio de Adminsitradores de Fincas de Galicia confirma que "esta fin de semana entraron en dous pisos dun edificio que administro e todos os veciños están aterrados".

O obxectivo dos ladróns son cartos, xoias e aparellos tecnolóxicos que poidan coller rapidamente e sen revolver demasiado.

"Cando entran nun edificio saben que no piso non vai haber ninguén, pero non saben cando soben e baixan os veciños, por iso xogan co factor tempo", asegura Carmela Lavandeira.

A policía atribúe estes asaltos a tres bandas itinerantes que operan mediante o método do bumping, os apancamentos de portas e o chamado esvarón.

Noticias web

09/08/2021