CRTVG

Buscar

A vaga de calor africana prevé temperaturas por riba dos trinta graos en Galicia

Publicado o 12/05/2019 18:04

Xornada de ceo despexado e calor intensa para esta época do ano na maior parte de Galicia. E a mellor mostra, as praias coma se un día de verán se tratase.

"O mellor día do ano, e sobre todo nesta época", comentaban algúns dos visitantes á praia de Samil esta maña.

A irrupción dunha corrente de aire cálido procedente de África favorecida pola presenza do anticiclón dos Azores está a facer que na parte sur de Galicia se prevexan temperaturas que superen os trinta graos, coma en Pontevedra, e que na Coruña, Lugo e Ferrol se acheguen aos 26, dez graos máis ca hai uns días e con rexistros propios do verán. En Santiago de Compostela poderían alcanzarse os 29 graos e en Vigo e Ourense os trinta graos semellan garantidos.

Cóntase con que este episodio de calor se prolongue ata o martes e que mañá luns mesmo poidan aumentar un chisco estes valores. Iso si, as temperaturas mínimas pola noite e a primeira hora da mañá seguirán sendo frescas, como corresponde a esta época, aínda que en Vigo o día xa abriu con 15 graos nos termómetros. Con todo, os baños no mar só serán para os atrevidos.

Sendo estes rexistros altos, Galicia non chegará aos previstos para o resto da península, onde se están alcanzando os 36 graos.

Noticias web

12/05/2019