CRTVG

Buscar

O Sergas cita 145.000 persoas para unha vacinación masiva

Publicado o 05/04/2021 16:16

• O grupo de 60 a 65 anos recibirá a vacina de AstraZeneca

• O grupo de 75 a 79 anos será vacinado con Pfizer 

• Serán convocados ata o domingo de maior a menor idade

Galicia vacinou 61.000 galegos durante os festivos de Semana Santa, e o Sergas fai plans de vacinación masiva dende este mesmo martes.

A Consellería de Sanidade comezará a vacinación masiva das persoas que naceron entre os anos 1942 e 1946 e entre 1956 e 1961. Nestes casos, a convocatoria farase atendendo a criterios de idade, comezando polos maiores.

A vacina de Pfizer para os maiores

No caso dos que naceron entre os anos 1942 e 1946, que recibirán a vacina de Pfizer, vanse citar 90.000 persoas. Enviaráselles un SMS con confirmación hoxe mesmo. A seguir, mañá martes, recibirán unha chamada automática para certificar que acudirán a poñer a vacina. 

Para o caso daquelas persoas que non confirmasen a súa asistencia, por posibles problemas que poidan ter coa tecnoloxía, aínda se fará unha rolda de chamadas o mércores.

Haberá 14 puntos de vacinación:

• Na área da Coruña citaranse 18.300 persoas no IFECO e no hospital Virxe da Xunqueira.

• Na área de Lugo, A Mariña e Monforte citaranse 11.600 persoas no HULA e nos hospitais da Mariña e Monforte.

• Na área de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras vacinaranse 12.600 persoas en ExpoOurense e nos hospitais de Verín e Valdeorras.

• En Pontevedra e O Salnés vacinaranse 9.000 persoas no Pazo de Congresos e Fexdega.

• Na área sanitaria de Vigo serán 17.500 persoas as que ser vacinarán en IFEVI.

• En Santiago e A Barbanza 14.600 persoas vacinaranse na Cidade da Cultura e no Hospital da Barbanza.

• Na área de Ferrol chamarase a 6.400 persoas para acudir a FIMO.

Estas vacinacións terán lugar entre o xoves e o domingo día 11.

A vacina de AstraZeneca para 55.000 persoas

No que respecta aos nacidos entre 1956 e 1961, que recibirán a vacina de AstraZeneca, citarase 55.000 persoas por medio dunha SMS que non precisará confirmación. Finalizada cada xornada, chamarase os non asistentes para citalos nos seguintes días dispoñibles.

Neste caso, os puntos de vacinación serán os mesmos que para os citados para poñer o soro de Pfizer.  Na área da Coruña e Cee vaise citar 11.250 persoas. Na área de Lugo, A Mariña e Monforte citaranse 7.100 persoas. Na área de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras vacinaranse 6.600 persoas. En Pontevedra e O Salnés serán 5.350 as persoas que se vacinarán. Na área sanitaria de Vigo serán 11.500 persoas. En Santiago e a Barbanza, 9.200 persoas. Canto á área de Ferrol, chamarase 4.000 persoas.

Estas vacinacións terán lugar entre a tarde de mañá martes e o mércores día 7, agás Ferrol, onde se vacinará entre o mércores e o xoves.

Galicia deixa o sorteo por letra e vacinará de maior a menor idade

Galicia comezará a vacinar contra o coronavirus as persoas de maior idade en cada grupo no canto de usar, como ata agora, o sorteo por letra.  Diso informou este luns a Consellería de Sanidade, que explica que se comezará polas persoas de máis anos en cada grupo, pois "agora suponse que chegarán remesas máis grandes de doses", así que, considérase que xa non é necesario ir por sorteo.

Segundo datos do Goberno galego, vacináronse unhas 61.500 persoas durante Semana Santa. Delas, 37.000 maiores de 80 anos recibiron a primeira dose de Pfizer e outras 15.500 foron vacinadas coa segunda. A elas súmanse 9.000 persoas que recibiron doses de AstraZeneca.

Galicia administrou 540.723 vacinas contra o coronavirus das 622.665 recibidas, o 86,8 % do total, segundo os datos que publica este luns o Ministerio de Sanidade.  Esta taxa é tres puntos inferior á media española, do 90,2 %.

Pola súa banda, 171.172 persoas recibiron en Galicia as dúas doses necesarias para estar inmunizadas contra a COVID−19. En España administráronse máis de 8,7 millóns de vacinas dos 9,7 millóns de doses recibidas. Hai 2,8 millóns coa pauta completa.   

Así mesmo, en Galicia 188.221 persoas das 234.302 maiores de 80 anos recibiron polo menos unha dose, o 80,3 %. Esta taxa é un punto superior á media española (o 79,1 %) neste grupo de idade.  Con todo, os maiores de 80 anos coa pauta completa na comunidade galega son 88.314, o 37,7 % do total. Neste caso, supoñen case sete puntos menos que a media española (44,2 %).   

Noticias web

05/04/2021