CRTVG

Buscar

Uzbekistán podería ser o primeiro país en conseguir a inmunidade de rabaño

Publicado o 23/02/2021 13:46

Uzbekistán podería ser xa o primeiro país do mundo libre de coronavirus despois de alcanzar a inmunidade de rabaño ao infectarse e superar a enfermidade entre o 60 e o 70 por cento da poboación.

Así o asegura un cirurxián galego Diego González Rivas, que regresou recentemente do país asiático, ao que viaxou por motivos laborais e onde puido comprobar que a xente fai xa vida normal.

O cirurxián galego Diego González Rivas conta como ao chegar a Uzbekistán o sorprendeu a vida normal que levaban os habitantes de Tashkent, a capital deste país asiático de 33 millóns de habitantes.

"O shock que era para min chegar alí, quitar a máscara, a xente dáche a man e todo normal, festas, todo ceas".

González Rivas, que viaxou a Uzbekistán por motivos laborais, explica que o país sufriu con dureza a pandemia entre marzo e abril, pero que a partir de setembro alcanzou a inmunidade de rabaño ao infectarse e superar a enfermidade entre o 60 e o 70 por cento da poboación.

"Por exemplo, no hospital en que estiven operando, que operei cinco pacientes de cancro e distintas cousas, dixéronme que todo o persoal do hospital, completamente todo, desde enfremeiras, celadores, cociñeiras, todo o mundo, estivo infectado".

O cirurxián galego afirma que, actualmente, nos hospitais uzbekos non hai novos ingresos por coronavirus e asegura que non coñece ningún outro país que conseguise deste xeito a inmunidade de grupo. 

Noticias web

23/02/2021