Reclaman, con fouciños, a reapertura das termas públicas de Ourense
Usuarios das termas de Ourense protagonizaron esta tarde un concorrido e orixinal acto de protesta. Piden a reapertura das pozas públicas, que pecharon pola pandemia e seguen sen abrir.
Non son operarios municipais. Trátase de usuarios das termas que botaron man dos fouciños máis que para adecentar a zona, para chamar a atención do concello.
"Que nos apoie, que nos limpe... eu tamén trouxen un fouciño por se teño que axudar a cortar", comenta unha das persoas participantes. "É unha vergoña que estea isto así, que non poidamos disfrutar das termas", lamenta outra. "Están as de pago abertas e estas pechadas. Non ten sentido", comentan.
As catro zonas termais públicas da cidade están precintadas. Non se pode pasar nin facer uso das instalacións. "E logo andan facendo propaganda: Ourense, vila termal, e gastando cartos cando nós non podemos utilizalas", di unha muller.
A protesta arrincou desde a Praza Maior, fronte ao concello. Alí, pancartas en man, subiron ao coñecido como o Tren das Termas, que segue facendo o percorrido dos mananciais, malia a que non se poidan usar segundo o concello, pola esixente normativa autonómica.
Kike Camoeiras, voceiro da plataforma 'Amigos das Termas': "O único que di a lei é que ten que haber limpeza, desinfección e, obviamente, control polo covid. Pero nada máis".
Lembran que cada día van parar ao río Miño 5 millóns de litros de auga termal desaproveitada.