CRTVG

Buscar

Usar o móbil ou a tablet non ten idade, e así o entenden as mulleres de Frades

Publicado o 11/09/2019 09:49

Moitos maiores non se entenden co móbil. Pero todo é cuestión de perderlle o medo. Ás veces, un curso duns días serve para comezar a usalo con normalidade. Vexan estas veciñas de Frades, que xa superaron o uso do teléfono e agora aprenden con tabletas.

Manexar un teléfono móbil ou unha tableta é algo que podemos facer practicamente todas as persoas. Se vostede non os entende é porque ninguén lle explicou ben como funcionan, pero sempre podemos aprender. Estas veciñas de Frades tiveron un curso para manexar ben os teléfonos, e agora aprenden como usar unha tableta.

Adrián Varela Pomar, educador da ONG Mestura: "Pretendemos que coñezan o funcionamento dos dispositivos máis actuais, móbiles e tablets. Tamén falamos de seguridade e aproveitamos para facer adestramento cognitivo. Isto sobe a autoestima e deuse o caso de xente que veu sen tocar antes un teléfono e dúas clases despois mercaba un porque xa era capaz de manexalo".

As alumnas contáronnos como levan o curso. "Teño un neto de cinco anos que xa me aprende el a min e eu teño que poñerme ao día", dinos unha delas. Outra animouse a acudir ao curso para saber xogar cos netos á 'tablet'. "Gústame moito. É un entretemento moi bo e reunímonos todas", asegura outra veciña de Frades. "Fago o que podo. Nada máis. Cando cheguei non sabía nada e fago pouco pero pásoo ben", comenta outra entre sorrisos.

Este curso forma parte do proxecto Neneiras, da ONG Mestura. Está financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo en colaboración co Concello.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/09/2019