CRTVG

Buscar

Usain Bolt lesiónase na súa última carreira

Publicado o 13/08/2017 13:00

Bolt e os seus compañeiros xamaicanos repetían a rutina habitual. Bromas, relaxación antes do último esforzo da súa carreira deportiva. O equipo deulle a remuda a Usain Bolt non nunha situación privilexiada, pero si co metal asegurado e en disposición de remontar polo ouro. Daquela, xurdiu o que non se agardaba, a picada muscular nas prodixiosas pernas do mellor velocista da historia. Bolt acabou polo chan, lesionado, unha circunstancia que os seus compañeiros atribúen á mala organización, por mor dun excesivo tempo de espera.

Foi o final inagardado a unha traxectoria espectacular, a de 19 medallas de ouro entre xogos olímpicos e mundiais. Todo comezou en 2008, en Pequín, coa vitoria nos 100 metros. Despois chegou o récord do mundo nesa distancia, un ano despois, en Berlín, co 9,58. Alí tamén logrou a mellor marca mundial nos 200. En Daegu, completou o pleno co récord nas remudas, no lugar onde protagonizou un dos seus escasos fiascos, aquela saída nula con descalificación nos 100 metros.

Bolt, o mellor da historia, dixo adeus cun final case tráxico que, co tempo, non fará outra cousa máis que engrandecer a súa lenda. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/08/2017