CRTVG

Buscar

Urxen a vacinación das embarazadas antes do final do segundo trimestre de xestación

Publicado o 04/08/2021 16:53
Urxen a vacinación das embarazadas antes do final do segundo trimestre de xestación

Non se detén o avance da covid en España e a Comisión de Saúde Pública, en que se atopan representadas todas as comunidades e o Ministerio de Sanida, insta a vacinar as embarazas, por ter máis risco fronte á covid. Recoméndase que completen a pauta antes de que finalice o segundo trimestre de xestación. 

Os directores xerais de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade e das comunidades reuniron unha serie de consellos coa axuda da Federación de Asociacións Científico Médicas Españolas (FACME) despois de que se vise afectada tamén a incidencia en embarazadas, "cun aumento na hospitalización, ingresos en UCI e casos fatais".

Nun acordo que se acadou este martes, de xeito unánime, apremian a inmunización deste colectivo polo seu maior risco, "fomentando estratexias de captación específicas".

Outra das cousas que lembran os técnicos é que os antídotos para estas mulleres teñen que ser de ARN mensaxeiro, independentemente da súa idade. E ademais das xestantes, tamén consideran importante que as persoas que as rodean "estean correctamente vacinadas". En caso de estar planificando un embarazo, "é conveniente completar a vacinación antes".

Por outra banda, non existe contraindicación para vacinarse en ningún trimestre, aínda que "se debe facilitar que as mulleres embarazadas cheguen completamente vacinadas ao período de máximo risco de complicacións en caso de infección", a partir de finais do segundo e terceiro trimestre de xestación, segundo subliña o acordo.