CRTVG

Buscar

Urdangarin, o primeiro familiar dun rei condenado a prisión en democracia

Publicado o 17/02/2017 14:20

Varios medios sinalan que Iñaki Urdangarin tiña asumida a súa condena, polo que xa estudou as distintas alternativas para cumprir cárcere. O elixido sería, sempre segundo estas fontes, o Centro Penal de Badaxoz, un cárcere pouco masificado e considerado dos menos conflitivos de España.

Amais, a infanta Cristina estaría valorando o traslado cos seus fillos, de entre 11 e 16 anos, de Xenebra a Lisboa. Unha cidade coa que os Borbón teñen vínculos sentimentais, e que estaría próxima ao centro onde podería cumprir condena o seu home. Evitaría así residir en España e supor un novo problema para Filipe VI, que xa rompeu lazos familiares e institucionais coa súa irmá.

A entrada no cárcere de Iñaki Urdangarin será a imaxe da caída aos infernos dun deportista de éxito, medallista olímpico coa selección de balonmán, que casou en 1997 coa filla pequena do rei Xoán Carlos. O matrimonio deulle o título de duque de Palma e unha axenda institucional que se viu interrompida ao estoupar o caso Nóos, que destapou a presunta trama para beneficiar as súas empresas con fondos públicos. En 2011, a Casa Real apartouno das actividades oficiais pola súa actitude non exemplar, e despois viría a retirada de honras e título. O ocaso institucional levou a Urdangarin a Xenebra, onde hoxe, dez anos despois da primeira investigación e tras seis meses de xuízo oral, recibiron esta sentenza.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/02/2017